Empezo este artigo en contra da miña opinión. Non me gusta publicar nada relacionado coa nutrición máis aló de dar pautas xenéricas de alimentación equilibrada e saudable. Aínda sendo así, pautas xerais, ás veces poden resultar confusas e nada apropiadas dependendo de quen estea ao outro lado, e da súa interpretación. E se isto pasa coas directrices xerais e “politicamente correctas”, imaxinade o que pasa se os profesionais da saúde vertemos opinión sobre as bondades de dietas extremas como son o xaxún ou a dieta cetoxénica.
O que está escoitando ou lendo pode que non estea no contexto adecuado para recoller a información. Pensemos nunha persoa cun trastorno da conduta alimentaria ou nunha diabetes. Non todo vale para todo o mundo. E menos se hai algunha condición fisiolóxica especial ou algunha patoloxía. Quizais cando lemos sobre nutrición e dietas estamos a esperar que nos apareza diante ese elemento “clave” que fará que perdamos peso de forma “máxica”...
Intentamos corrixir anos de desequilibrio nutricional cunha dieta totalmente diferente á que xa levamos? Acaso temos sobrepeso porque todos estes anos estivemos a “non facer” esa dieta “máxica”? Ou será máis ben porque estivemos a facer unha dieta excesiva? Preguntarnos iso é clave para saber por onde empezar. Así como preguntarnos canto tempo seremos capaces de seguir esa dieta “milagre”. Porque cambiar radicalmente de dieta para perder uns kilos non parece moi axeitado se non a podemos manter. Si, os kilos volverán se volvemos comer coma antes. É doado imaxinalo... Dieta moi estrita (e de paso desnutrición) e, de seguido, efecto rebote.
Cal é o motivo da nosa dieta?
Outra cousa que temos que preguntarnos é por que temos a dieta que temos. Ás veces pode ser unha consecuencia dos nosos gustos e costumes, da organización, da dinámica familiar... No peor dos casos, e digo peor porque normalmente é un engadido a todo isto anterior, comemos por ansiedade, por estrés emocional. Notamos fame, un baleiro no estómago que non enche con nada. Chegados a este punto, non vou ser eu quen diga que non se precisa un nutricionista. Claro que se precisa, porque o dietista é o profesional que nos vai ensinar sobre alimentación saudable, tamén sobre as nosas necesidades específicas, e o que nos vai acompañar no proceso de cambio cara unha mellor dieta. Pero quizais sería tan importante, ou máis, valorar esa ansiedade cun profesional, psicólogo e/ou psiquiatra, e buscar unha solución. Ás veces a solución é custosa, pode pasar por facer cambios na nosa vida que non nos apetecen ou para os que non estamos preparados. Tamén pode pasar por aceptar as nosas circunstancias, as veces difíciles de cambiar, e intentar ser máis felices e estar máis tranquilos co que temos. Nada disto é doado. Pero non é imposible... Creo sinceramente que é peor andar a buscar unha solución en dietas xenéricas ou extremas que non nos van servir para nada máis que perder uns poucos kilos momentaneamente, e que incluso poden empeorar a nosa saúde. Os problemas hainos que tratar dende a orixe: sen solucionar o problema de base, todo o demais será un parche temporal.
O verdadeiro papel do nutricionista e dos demais profesionais
E por iso non escribo sobre nutrición. Porque todos temos condicións físicas, fisiolóxicas, patolóxicas, psicolóxicas e sociais distintas. Non quero fomentar o pensamento cuadriculado do “todo ou a nada”. Non quero que ninguén se sinta culpable por tomar un día un zume de laranxa ou un cacho de torta. Tampouco quero que pensedes que me parece ben andar a comer torta. Se xa non é doado transmitir a idea de equilibrio nutricional en persoa, imaxinade falar para a poboación xeral. Incluso hai controversia coas guías alimentarias, que nunca están a gusto de todos... Ou con iso de comer 5 veces ao día...
Non vos fiedes de métodos infalibles ou novidades espectaculares en nutrición. Tede pensamento crítico e pensade con lóxica. Buscade consello e deixádevos asesorar por profesionais da saúde. Dietistas, psicólogos, médicos... estamos aí para axudarvos a estruturar o camiño cara o cambio, e tamén para servirvos de apoio nese camiño. Ese, dende logo, é o primeiro obxectivo na miña consulta de dietética y nutrición en Vilanova y Caldas.
Moitas grazas por lerme. Sede felices.