Experiencia previa
Despois de sufrir unha enfermidade vírica, o meu intestino cambiou, non se sabe se polo virus ou polo tratamento antibiótico que tiven que tomar debido a unha infección secundaria á enfermidade. Comecei a non facer ben as dixestións, todo me sentaba mal, aumentáronme as intolerancias alimentarias e descubríronme unha alerxia a moluscos, cefalópodos e crustáceos, ata o momento inapreciable (non tiña sintomatoloxía, non me facían dano). O único que mantiña o meu aparato dixestivo sen molestias era controlar ben a dieta. Estaba desnutrida e non podía comer o que me gustaba, porque se o facía, ás horas ou aos poucos minutos, tiña uns cólicos extremadamente fortes, seguidos dunha gastroenterite.
Tiven que cambiar. Tiven que coidar a miña mucosa intestinal, comendo o que me sentaba ben e deixando o que me sentaba mal. Facer dieta sa, variada e equilibrada salvoume a vida. Física e psicoloxicamente. É moi duro comer con medo e pensar que o teu xa non ten solución, que estás enferma e non hai cura. Nunha endoscopia para o descarte da enfermidade celíaca descubriuse que o meu epitelio intestinal estaba case plano, atrofiado, as vilosidades moi curtas, co cal tiña a capacidade de absorción moi reducida.
Así que empecei a documentarme sobre a importancia de manter un aparato dixestivo san, de como debía comer para recuperar a miña mucosa intestinal. E logreino, pola miña conta, porque non houbo ninguén que me explicase por que uns alimentos me sentaban ben e outros non. Supoño que a parte de todos os especialistas que visitei, tería que ver a un profesional da dietética. E fíxenme dietista. A miña vocación é a nutrición, e o meu obxectivo é axudar a aquelas persoas que teñan calquera problema relacionado coa dieta. Mantendo unha dieta equilibrada, variada e axustada e facendo exercicio adecuado gáñase moita saúde e calidade de vida, e está nas nosas mans modificalo.